Sábado 1 de outubro | 13:30
New Videodrome | Plaza Elíptica

Entrada libre, aforo limitado.

Non deixa de ser fascinante como as narrativas fantásticas levan engaiolando ao mundo dende a Antigüidade. Máis tamén o é ver como os seus enfoques mudan dun tempo a outro, xa sexa a través de mitos, lendas ou folclores de diversa índole. E é que o espírito fantasioso carece de límites. Así se manifesta dende a máis tenra infancia, sen deixar de facelo ao longo de todo o periplo vital de cada persoa. Sen dúbida, negalo sería contradicir a propia natureza do ser humano.

Esta foi a principal motivación que fixo posible a redacción do presente texto: A asimilación do “fantástico” nas prácticas da Escuela Oficial de Cinematografía (EOC). A defensa do cinema fantástico non deixa de ser un conta bastante pendente dentro da historiografía, pero ademais aquí damos voz a outro referente da cinematografía española dos anos do franquismo. Referímonos á Escola Oficial de Cinema, unha institución que logrou elevar a calidade do cinema español nun momento tan complexo a nivel de censura e liberdade artística.

Igualmente, este texto resultou gañador na VI edición dos Premios María Luz Morales de ensaio cinematográfico, concretamente na categoría de “mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional”. Acadar o premio cun enfoque e ámbito de estudo tan atípico supón de seu todo un agasallo, xa que nos movemos nun marco bastante afastado da cinefilia máis purista. Así xustificaba o xurado a súa elección:

Cando se fai un repaso histórico ou se cita o traballo dunha escola ou un movemento cinematográfico normalmente limítanse o número de obras e creadores a aquelas referenciais, quedando esquecidos un número significante de traballos que tamén impulsaron esas cinematografías. Este ensaio reivindica e asume unha importante misión:  visibilizar uns traballos en torno a un xénero en auxe, como o é o fantástico, explorados por unha escola pioneira e inspiradora para o cinema feito no estado español como foi a Escuela Oficial de Cinematografía. Este riguroso ensaio demanda o estudo daquelas obras “menores” e que abren camiños á investigación e á historia  do cinema e que pode asentar e teorizar as bases do cinema fantástico feito en España.”

Así pois, supón todo un luxo achegar esta publicación a todo o público do Galician Freaky Film Festival. Esperando non defraudalo, tan só nos resta dicir: Lugosi! ATA A MORTE!!

SEVERIANO CASALDERREY CONDE

Pontevedra, 1980

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela en 2002. Un ano despois remata os seus estudos musicais ao acadar o Título Superior de Piano. Dende entón, iniciou a súa dedicación ao ensino, así como a outras actividades vinculadas coa música e o cinema. 

Neste último campo, foi o responsable do festival ANIRMAU – Animation Film Festival (Lalín, 2010-13), unha proposta específica en torno ao cinema de animación. A partir do ano 2012, inicia o sea labor como programador no festival de curtametraxes FICBUEU, converténdose no seu subdirector en 2019. Actualmente, tamén forma parte do equipo de programación do GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL (Vigo) e o festival de cinema infantil CINEMA MIÚDO (Ames).

Exerceu igualmente como colaborador e xurado de diversos festivais internacionais de Portugal, Brasil e Taiwán. Tamén realizou musicalizacións de filmes mudos como parte da súa faceta musical. Na actualidade, promove a súa actividade como ensaísta de cinema, con catro publicacións ata a data.