Xoves, 29 de setembro | 17:00
New Videodrome Cinema

Entradas á venda

Preparados para Arrepiar? Esperamos que si, porque este ano temos o enorme pracer de contar co MOTELX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa como festival colega.

Este mes de setembro celebraron a súa 16ª edición cun programa cheo de filmes, workshops, masterclass e actividades para os máis novos. 

O MotelX é o unico festival portugués membro da Méliès International Festivals Federation (MIFF) e da Europe for Festivals, Festivals for Europe (EFFE), o que o converte nun dos festivais de xénero máis importantes do mundo.

Teremos a honra de contar co seu director Pedro Souto, quen estará connosco monstrando unha escolma dalgunhas das mellores obras que pasaron por este festival colega, e así nolo explica:

Cando en 2009 inauguramos a sección competitiva para curtas portuguesas, non había unha gran produción de filmes deste xénero, a pesar dunhas grandes ganas para facelo. Esta sección foi gañando importancia co paso dos anos e transformando por enteiro o panorama cinematográfico nacional. E aos poucos, os realizadores foron gañando coraxe para aventurarse coas longametraxes, como foron os casos de Fernando Alle (que conseguiu apoio de Troma e tamén do ICA – Instituto do Cinema e do Audiovisual en Portugal) con “Mutant Blast” ou de Gonçalo Almeida con “Faime Compañía”, filme que sería seleccionado para o Fantastic Fest de Austin. O premio económico é hoxe o maior ao que optan as curtametraxes e a calidade subiu de tal modo, que a maioría das candidaturas que recibimos son feitas xa pensando na estrea mundial no MOTELX.

A compilación que aquí presentamos no Galician Freaky Film Festival 2022 engloba filmes moi representativos do tipo de cinema presentado en anteriores seleccións. En primeiro lugar, un dos realizadores que máis participacións tivo, creando inclusive a súa propia nomenclatura cinematográfica, a “Azoresploitation”. Trátase de Francisco Lacerda, natural da Illa de San Miguel, do arquipélago dos Azores, que ven destacando por unha coidada reciclaxe de vellos formatos e subxéneros como a exploitation ou o cinema trash, sen desviarse nunca da acción da fauna e flora da súa terra natal. “Cemitério Vermello” é a súa incursión no Spaghetti-western de Sergio Leone, no que o deserto de Almería é substituído polas paisaxes áridas da Illa de Santa Maria. A pesar de nunca acadar o premio, o seu traballo ten sido seleccionado para outros festivais da Federación Méliès e máis en Europa – a próxima parada deste “Cemiterio Vermello” é o Beyond Fest en LA.

Non en tanto, o subxénero máis explotado da historia do cinema portugués é o folk horror, o que ten sentido tendo en conta os 9 séculos en que Portugal existe tal como é hoxe. Son por tanto, 900 anos de lendas e tradicións populares que deron alento a moitas adaptacións, principalmente ao nivel da curtametraxe. Así, temos “Cando a Terra Sangra” de João Morgado que escrebe eses pergamiños e móstranos un filme que ten como pilares o traballo de Stephen King e de series como “Midnight Mass”. De cariz máis gótico e experimental, escollemos “Misericórdia” que recupera ambientes sombríos nun bosque onde bruxas e demos aflixen aos humanos ao son dun órgano de igrexa imperial.

En contexto urbano, temos curtas que reflexionan a paranoia e o absurdo da vida contemporánea. “Reverso” de André Szankowski é un one man show do actor Afonso Pimentel, que transforma un monólogo intimista nun relato de terror puro probando que a simplicidade dunha boa historia aínda é dabondo para facernos estremecer. “Vórtice” de Guilherme Branquinho, o gran vencedor da máis recente 16.ª edición do MOTELX, vai aínda máis lonxe, centrando a acción no simple feito de conseguir un lugar de aparcamento á noite en Lisboa, lanza ao protagonista nun loop de demencia con que moitos espectadores se identificarán.

Finalmente, o MOTELX se ten esforzado por ter o máximo de cinema de terror feminino posíble, non só en longas internacionais mais principalmente na competición nacional. Así, destacamos dous filmes realizados por mulleres que representan ben o ollar feminino contemporáneo de xénero. En primeiro lugar a sensibilidade adolescente representada en “Unha Piscina” de Carolina Aguiar e case en contraponto, o panfletismo feminista radical de “Vara” de Inês Albuquerque.

Benvidos ao Terror portugués!

Pedro Souto, Director de MotelX, Lisboa

FILMES

QUANDO A TERRA SANGRA

15′ / PORTUGAL / 2021
João Vicente Morgado

A peste saca o peor de cada un, e só o Home permanece inmune. Consumido pola desesperación, nun intento por salvar á Muller e protexer ao seu Fillo, o Home vai en busca de axuda e percorre o pobo onde nada é como antes. Durante unha noite surrealista e alucinante, o Home, atormentado por recordos doutra vida, comeza a perder a noción da realidade.

ESTREA EN ESPAÑA

  • FEST – New Directors | New Films Festival (Portugal, 2022)
  • Premios Sophia (Portugal, 2022)
  • Hollywood Blood Horror Festival (EUA, 2022)

REVERSO

5′ / PORTUGAL / 2022
André Szankowski

Hai sempre outro lado da historia. Até que se decida o contrario.

ESTREA EN ESPAÑA

  • Mención Especial – Mellor Curta Porguesa, MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)

VARA

6′ / PORTUGAL / 2022
Inês Albuquerque

Nun mundo patriarcal, dúas mulleres de aceiro gáñanse a vida coa caza.

ESTREA EN ESPAÑA

  • MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)

CEMITÉRIO VERMELHO

10′ / PORTUGAL / 2022
Francisco Lacerda

Entre as cruces dun vello cemiterio, dous foraxidos dispútanse a honra, o compañeirismo e a cobiza.

ESTREA EN ESPAÑA

  • MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)

MISERICÓRDIA

11′ / PORTUGAL / 2021
Gonçalo Loureiro

Un poema visual que combina temas mitolóxicos e terror moderno nunha historia sobre redención e misericordia.

ESTREA EN ESPAÑA

  • MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)
  • Mellor Filme Portugués, Fantasporto – Oporto International Fantastic Cinema Festival (Portugal, 2022)

UMA PISCINA

9′ / PORTUGAL / 2021
Carolina Aguiar

Dúas irmáns falan ao carón dunha piscina misteriosa, ata que de súpeto unha delas desaparece.

ESTREA EN ESPAÑA

  • MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)

VÓRTICE

15′ / PORTUGAL / 2022
Guilherme Branquinho

Despois dun longo día de traballo, ás 3 da mañá, un home exhausto busca un lugar onde aparcar o coche. Cando descobre que non está só, o que parecía un exercicio rutineiro transfórmase nunha carreira estraña con consecuencias mortais.

ESTREA EN ESPAÑA

  • Premio Mellor Curta Portuguesa, MotelX – Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa (Portugal, 2022)
  • FEST – New Directors | New Films Festival (Portugal, 2022)
  • LA Shorts International Film Festival (EUA, 2022)