Sir Peter Robert Jackson, máis coñecido como Peter Jackson é un director neozelandés mundialmente coñecido por levar á gran pantalla a triloxía d’ O Señor dos Aneis.

Pero antes de que este director fixera as delicias dos máis fanáticos do fantástico empezou a súa carreira con obras de baixo orzamento que por estética, humor, e por temática encaixan perfectamente dentro do cinema freak que tanto reivindicamos.

Nesta liña, o GFFF dedicará a súa #6 edición ao filme de Jackson, Braindead (Dead alive, 1992), coñecida en España como Braindead, tu madre se ha comido a mi perro.

O filme elexido sigue a liña do filme homenaxeado na anterior edición, Evil Dead. Ambas obras teñen puntos en común que van alén de reivindicar a casquería e o humor negro. Aprecíase nelas o nacemento e os primeiros pasos de dous directores apaixoados polo cinema de terror e serie B, cunha gran bagaxe cinéfila que os levaría a situarse entre os directores máis apreciados do fantástico. Mesmo nos filmes de Peter Jackson pódese apreciar a influencia da obra de Sam Rami, director de Evil Dead.

A primeira etapa cinematográfica deste director, na que incluímos Braindead, está formada por tres filmes de baixo orzamento, nos que os regueiros de sangue, a violencia e provocar incomodidade no espectador son marca da casa. Esta “triloxía” á que bautizamos como a etapa de “O mozo Peter Jackson”, inclúe o filme xa mencionado, Bad Taste (1987) e Meet the Feebles (1989).

Deste xeito, nesta edición, no GFFF abandeiramos Braindead, que cumpre neste 2022 trinta anos desde a súa estrea, como o noso filme homenaxeado. Xunto a proxección do filme, proxectarase Bad Taste creando unha retrospectiva da primeira etapa creativa deste director co obxectivo de mostrar ao público a súa evolución desde os seus inicios ata o momento no que se convertiu en lenda por levar a Terra Media á gran pantalla.

BAD TASTE

NOVA CELANDIA | 1987 | 91’

PETER JACKSON

Reparto: Terry Potter, Pete O’Herne, Craig Smith, Mike Minett, Peter Jackson, Doug Wren, Dean Lawrie.

Guión: Peter Jackson.

Fotografía: Peter Jackson.

Música: Michelle Scullion.

Xoves, 29 de Setembro | 21:00h

GALICINE, PLAZA ELÍPTICA

Unha pequena cidade costeira aparece completamente deserta: os seus habitantes foron secuestrados por un grupo de aliens en busca de carne humana para as hamburguesas dun fast-food intergaláctico. Con todo, un corpo de axentes especiais enfrontarase aos extraterrestres.

BRAINDEAD (DEAD ALIVE)

NOVA CELANDIA | 1992 | 104’

PETER JACKSON

Reparto: Timothy Balme, Diana Peñalver, Fran Walsh, Elizabeth Moody, Ian Watkin, Stuart Devenie, Brenda Kendall, Peter Jackson, Stephen Papps.

Guión: Peter Jackson, Stephen Sinclair e Fran Walsh.

Fotografía: Murray Milne

Música: Peter Dasent.

Sábado, 1 de Outubro | 22:00h

GALICINE, PLAZA ELÍPTICA

Un científico descobre en illa Caveira un exemplar moi estraño de mono rata ao que acompaña unha terrible maldición, segundo os nativos. O exemplar é trasladado a Nova Celandia para o seu estudo. Por outra banda, Lionel é un mozo que vive coa súa insoportable nai, que non aproba a relación que acaba de comezar con Paquita, a filla do tendero. Cando os dous namorados realizan unha visita ao zoolóxico, ela vixíalles en segredo, sendo mordida polo animal atopado na illa.