FUNCIÓN DA DOBRAXE GALEGA

Venres, 30 de setembro | 13:00
New Videodrome | Plaza Elíptica

Entrada libre, aforo limitado.

Dentro dos principios e obxectivos fundamentais do festival está, non só o de difundir obras feitas en galego, senón de difundir as obras internacionais que proxectamos con subtítulos en galego.

Nesta liña, este ano celebraremos a Mesa Cinemar Films “Función da dobraxe galega” coa que queremos reivindicar a figura dos profesionais da dobraxe do noso país: actores e actrices, técnicos/as, subtituladores/as, tradutores/as e directores/as de dobraxe.

A mesa estará conducida por Uxío Couto un dos maiores coñecedores da historia da dobraxe no noso país. Couto fará unha concisa e concienciuda revisión histórica da dobraxe expoñendo os seus inicios, a súa época dourada, e a situación actual, acompañada de recursos gráficos que permitan escoitar de primeira man algunhas das xoias da dobraxe galega.

Acompañarano nesta mesa tres profesionais do sector que nos contarán en primeira persoa como funciona a industria da dobraxe no noso país. 

Tras este encontro descubriremos que o mundo da dobraxe está cheo de talento.

PARTICIPAN

Rosa Camiña – Tradutora

Nada no ano 1962 en Vigo. Estudou idiomas por libre, logo Filoloxía Hispánica e logo Tradución e Interpretación, pero antes de licenciarse nesta xa comezara a traballar como tradutora audiovisual dende 1985, cando a TVG deu comezo as súas emisións. Dende aquela leva 37 anos traballando como tradutora, tanto no ámbito audiovisual coma noutros eidos, pero o seu xénero favorito segue a ser o audiovisual, porque é moi peliculeira… de amor ás películas.

Teresa Santamaría – Actriz e directora de dobraxe

Teresa Santamaría é unha actriz e directora de dobraxe que comezou a súa carreira no ano 1988 ao longo dos cales interpretou diferentes papeis tanto en series de animación, películas, documentais e publicidade poñéndolle a voz a personaxes como O detective Conan, Vikie viquingo ou máis recentemente a actriz Jessica Chastain na película, ” A muller que camiñaba diante”.

Chema Gagino – Actor e director de dobraxe

Actor e director de dobraxe desde 1985, pon a voz a actores como Woody Allen, Eddie Murphy ou Jerry Lewis. Traballa cinco anos en Radio Nacional, cadena SER e Radio Galega, onde dirixe varios programas de creación. Escribe os guións das súas primeiras curtametraxes e comeza a dirixir as súas primeiras curtas en cine: “Afonía”, “Isolina do Caurel”, ou “O Elixido” son cintas con premios en distintos festivais de cine. Escribe guións para series de televisión como Gran Reserva, As leis de celavella, Libro de Familia, Mareas Vivas e Terra de Miranda. Dirixe e realiza tamén Mareas Vivas, Terra de Miranda, e Caseiros para TVG. En 2010 dirixe a exposición audiovisual do Xacobeo, con pezas de animación e de integración 3D. Actualmente, da clases de interpretación guión e realización na Escola de ficción de Voz Audiovisual e dirixe a súa primeira película para tv: “Todos os Santos”. En 2016 funda RECREA FILMS produtora cinematográfica coa que produce, entre outras, a longametraxe A VIRXE ROXA, con numerosos premios nacionais e internacionais. Actualmente en produción con duas longametraxes máis.

Uxío Couto – Actor de dobraxe e Subtitulador

RESPALDA

Esta mesa ten o respaldo de CINEMAR FILMS o único estudo de son cinematográfico de Galicia homologado por Dolby e DTS. En Cinemar Films abranguen tódolos procesos de posprodución sonora, amais de dispor de equipos de son directo para todo tipo de proxectos. 

Contan con salas coa “cubicaxe” necesaria para realizar dobraxes, ADR’s e creación de Foley para Cine e Broadcast, seguindo os parámetros de área e absorción que as “Major’s” homologan baixo os seus criterios de esixencia de calidade, sendo o único estudo de Galicia e dos poucos de España que conta con este tipo de instalacións.