Xoves, 29 de setembro | 12:00
New Videodrome | Plaza Elíptica

Entrada libre, aforo limitado

O GFFF ten a honra de acoller a presentación do segundo volume do movie book: Cinepatía: héroes, diosas y villanos.

Este segundo volume de Cinepatía é unha continuación do primeiro; agora serán a mocidade e a “madurez” (si, entre comiñas!) as etapas que abarcan, narrando as súas experiencias a través de difrentes filmes.

Estas dúas etapas comezan a partir da súa maioria de idade e rematan na actualidade. Ambas épocas están escritas tamén en dúas columnas como se se tratara dunha dobre función e teñen o mesmo ton descritivo de nostalxia e paixón cinéfilas. Un total de duascentas longametraxes elixidas por cada un dos autores para representar, coa maior sinceridade, o impacto que lles causaron ao longo das citadas épocas.

A presentación terá o mesmo cariz que a do ano pasado, con imaxes proxectadas dalgunhas secuencias das súas pelis-impacto. Falarán das súas experiencias nesas dúas etapas nas que comezan a desaparecer algúns dos cinemas máis emblemáticos de Vigo e certos programas de televisión dedicados ao celuloide que marcaron a súa infancia e adolescencia. Programas que agora son substituídos por outros novos que marcarán esta nova etapa cinéfaga.

O seu amor incondicional ás quilométricas metraxes destes filmes mantense e condúceos a tomar por verdade a frase: “o cinema é mellor que a vida”.

Óscar Suárez

Caracas, 1960

Realiza con Cora Pena a mediometraxe musical The last patrol (La colina de la muerte). Premiada no Xociviga-2000. A continuación, dirixe e escribe o guión de varias curtametraxes. Destacan: Amazonas 2000 e Las lágrimas de la reina, seleccionadas no Festival de Cinema de Terror de Sitges. A súa seguinte obra, El masticar de los muertos en sus tumbas foi premiada ao mellor  guion no Festival de Curtas de Alcobendas (Madrid, 2003) e seleccionada no festival de  Sants (Barcelona), no de cinema  gore de Buenos Aires e noutros festivais internacionais.

Na TVG traballou na serie Fíos. En  Televigo como comentarista de Qué grande es ser  freak! programa de cinema de terror e ciencia ficción. Foi membro do xurado da sección competitiva de longametraxes no XII Festival de Cinema Internacional de Ourense. Colaborou na crítica de estreas cinematográficas do programa da TVG Planeta Cinema, e

escribindo artigos sobre o mundo do celuloide na revista O Ollo Público.

Actualmente coordina os seus labores de programador no Galician Freaky Film Festival (GFFF) con obradoiros de cinema en diferentes centros educativos de Vigo.

Ángel Regueiro

Vigo, 1967

Inicia a súa andaina autodidacta no sector audiovisual en 1998, como actor e co-guionista na mediometraxe bélica-musical, The last patrol (La Colina de la muerte), dirixida por Cora Pena.

Intervén como actor en varias curtas ata o ano 2000 cando dirixe e escribe a súa primeira curtametraxe, Fósil, seleccionada no Festival de Sitges para o apartado Brigadoon.En 2001, codirixe e escribe xunto a Óscar Suárez, a curta Las lágrimas de la reina, que tamén é seleccionada en Sitges e colabora no guion de El masticar de los muertos en sus tumbas, dirixido por Óscar Suárez. En 2007 dirixe e escribe outra curtametraxe de corte fantástico, Todo un personaxe, que tamén viaxa a Sitges.